A CONSELLEIRA DE SANIDADE APOIA A CREACIÓN DA ESPECIALIDADE DE URXENCIAS E EMERXENCIAS EN ESPAÑA
Así, llo manifestou María José Rubio Vidal ao vicepresidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, Tomas Toranzo, quen hoxe foi recibido en audiencia pola conselleira de Sanidade
Así, llo manifestou María José Rubio Vidal ao vicepresidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, Tomas Toranzo, quen hoxe foi recibido en audiencia pola conselleira de Sanidade
A titular da sanidade pública galega considera de enorme importancia a creación desta especialidade para a mellora da asistencia que se presta á cidadanía
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2009.- A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, entrevistouse hoxe, en San Lázaro, co vicepresidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), Tomas Toranzo, quen estivo acompañado polo presidente desta Sociedade para Galicia, Francisco Aramburu. Na reunión tamén estivo presente o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez Escudero, e o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, Germán González Pazo.
Neste encontro, celebrado ao medio día, a máxima representante da sanidade pública galega amosoulle aos directivos de SEMES o apoio da Consellería de Sanidade á creación en España da Especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, posto que Rubio Vidal considera de enorme importancia para a mellora da calidade da asistencia que se presta á cidadanía a creación desta especialidade.
A reunión enmárcase dentro da serie de entrevistas que os directivos de SEMES están a manter con todas e todos os conselleiros de Sanidade das Comunidades Autónomas do Estado, para buscar o seu apoio cara creación da especialidade de médico de urxencias, que deberá ser aprobada polo Ministerio de Sanidade.
Por outra parte, e dentro da vontade de diálogo e colaboración con todas as Sociedades Científicas Médicas de Galicia, a Consellería de Sanidade ratificou o seu máximo interese, xa expresado en anteriores encontros, de establecer un marco de colaboración permanente coa SEMES Galicia para a mellora continua dos servizos de urxencias dos centros sanitarios galegos.
Na vindeira xuntanza da Comisión Delegada do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, prevista para o mes de marzo, os representantes de Galicia pedirán ao ministerio a inclusión do debate sobre esta especialidade na orde do día.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE
No hay comentarios:
Publicar un comentario